xoves 9 de xullo

sala de teatro Roberto Vidal Bolaño / 20,30h

ADA OU CONTAR DE MEMORIA UNHA NOVELA DE NABOKOV

María Roja

Duración: 45 minutos

FICHA ARTÍSTICA

Creación      María Roja

Performers    María Roja + Maria Chiginskaya

Documental       Dúas historias sobre a memoria (Два рассказа о памяти),   de Valery Chiginskiy

Rexistro fotográfico   Olga Fddez, Henar de Torres, Sabela Eiriz

SOBRE A PEZA

 “Ao longo dos primeiros meses do ano 2018, padecín un problema ocular a raíz do cal me vin privada do sentido da vista. Abastecida de cada vez máis escasos entretementos co paso das semanas, alguén deu en lerme en voz alta, a anacos diarios, a novela de Vladimir Nabokov titulada Ada ou o ardor. Así coñecín esta historia. Masha, pola súa banda, leu este libro no ano 2002, durante a primavera, mentres preparaba os seus exames da universidade en San Petersburgo. Comezou a súa lectura para impresionar ao seu profesor de literatura, do cal estaba platonicamente namorada, quen desconfiaba da capacidade do seu alumnado para comprender esta obra. Así coñeceu esta historia. Agora, ímosvola contar, de memoria”.

Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov é unha acción na que se propón unha sorte de visita guiada ao rexistro que do texto permaneceu nas performers de xeito natural, entretecido este con acontecementos persoais íntimos e eventos históricos de certa relevancia xustapostos no tempo a dita escoita/lectura. A través dun inventario narrativo e formal descontinuo, desbótase a reconstrución fiel do relato textual en favor da implicación física do corpo e do contexto no acto de recordar. Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov tenta ser un exercicio de rescate da memoria orgánica, debedor das nosas tradicións oral e física.