sábado 10 de xullo / 22,00h

MARTA CASAIS & BENJAMÍN VÁZQUEZ

TERRAZA DO AUDITORIO DA UNIVERSIDADE

Marta Casais

Marta Casais adéntrase no eido musical formándose nas especialidades de solfexo e piano na Escola de Música de Boiro, onde espertará o seu interese polo jazz. No 2017 conforma xunto ao contrabaixista Miguel Piñeiro o dúo Blue Meets Green, e comeza a explorar este xénero, así como a bossa nova, o blues e o soul, da man de grandes referentes galegos coma Narci Rodríguez e Carmen Rey. Na actualidade é unha das integrantes da aula de teatro da USC e forma parte dun novo proxecto musical compartido co guitarrista Benjamín Vázquez (The Lákazans, Andhrea & The Black Cats, Sabela King & The Heartbreakers, Mallou), no que afondan nas músicas tradicionais americanas, galegas e andaluzas para artellar un repertorio que mestura folclore e sonoridades contemporáneas.

Benjamín Vázquez

Benjamín Vázquez nace nunha casa chea de música. Dende moi pequeno somérxese na colección de discos de seu pai, grande melómano, onde predominaba a música americana: blues, jazz, gospel, country, rock & roll, soul, funk e moito rock clásico. Mais tamén había moitas músicas do mundo: cubana, mexicana, reggae e africana, entre outras.

Ademais, na casa tiñan unha guitarra española á que só lle quedaban dúas cordas. Con ela xogou durante anos improvisando melodías por riba dos seus discos favoritos. O “Astral Weeks” de Van Morrison foi un deles.

Máis tarde, estuda maxisterio musical en Santiago de Compostela. Alí descobre moitos grupos e músicos que foron importantes fontes de inspiración para os seus futuros proxectos. Ó longo deses anos formou conxuntamente cos seus compañeiros: The Lákazans, Andhrea & The Black Cats, Sabela King & The Heartbreakers, e máis recentemente, Mallou, grupos nos que desempeña tarefas de composición, arranxo e produción, entre outras.

Agora embárcase nun novo proxecto xunto a Marta Casais para explorar novas músicas e sonoridades. Xuntos buscan a maneira de interpretalas poñendo especial atención no que a canción lles transmite, e no xeito de arranxalas en base ás súas traxectorias e sensibilidades.

“Marta Casais & Benjamín Vázquez”

Tras un longo camiño, Marta Casais e Benjamín Vázquez presentan un proxecto compartido, nado cun único propósito: explorar esas cancións que os acompañan no día a día e que tanto os emocionan. Os arranxos, bosquexados dende a improvisación e a escoita mutua, parten dun profundo respecto polos propios compositores e as raíces das músicas populares; todo isto sen deixar de reinterpretalas a través de novas sonoridades, explorando linguaxes coma o blues, o flamenco, o jazz ou a bossa nova, valéndose dunha especial sensibilidade polo legado da tradición. Guitarra e voz únense para artellar un repertorio composto por melodías de moi diversas orixes, creando un estilo propio que mestura xéneros e herdanzas, o presente co pasado, arriscándose a sondar a forza contida tanto nas harmonías coma nos silencios.

SESIÓN DJ CON JAS PROCESSOR

(foto: Manu Lago)

Jas Processor é formador, deseñador de espazos sonoros para as artes escénicas, arqueólogo
musical, coleccionista “ cratedigger” de rarezas en vinilos e promotor cultural.
É un dos Djs máis versátiles da escena en Galicia, un cazador e investigador de
tendencias musicais de baile do pasado e contemporáneas.
En activo desde os anos 90 especializouse na música urbana e nos sons con
groove infecciosos e bailables. Sons que na actualidade enraízan e nútrese dos
países comunicados polo Atlántico desde Dakar ata Barranquilla, pasando por
Nova York e recalando en Compostela.
Unha selección, en formato vinilo, dos grooves máis infecciosos do Jazz, da
Cumbia, o Disco Funk e da fusión coa música electrónica. Un set sonoro que
nos convida a viaxar con ritmo por Latinoamérica, África e Europa.
Cabe destacar a súa participación tanto dentro de Galicia en Os atardeceres no
Gaias, Festival Curtocircuito, Festival S8, Carballo Interply, Foundation Reggae
Festival, Reperkusión, Marisquiño, Noroeste Estrella Galicia, Uscenica, como
fóra da comunidade en TNT Festival de noves tendéncies (Cataluña), Costa
Contemporanea (Andalucía), Festival Imaginarius (Portugal), Só dous en Danza
(Costa Rica) .