mércores 7 de xullo / 21,00h

PHÁRMAKON, de Pablo Seoane   

SALA DE TEATRO ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Duración: 55m

FICHA ARTÍSTICA

MARÍA JOSÉ PÁMPANO, viola
BENXAMÍN OTERO, óboe, corno inglés
RAQUEL HERNÁNDEZ, actriz
ARTÚS REI, actor
LAURA ITURRALDE, escenografía, iluminación e creación visual                                                     

PABLO SEOANE, composición musical e dirección

SOBRE A PEZA

Phármakon é unha peza musical e escénica para viola, óboe, corno inglés, dous actores e unha creadora visual.

Composta a partir das traxedias clásicas Antígona (Sófocles), Medea (Eurípedes) e As Bacantes (Eurípedes), a obra indaga en tres aspectos esenciais comúns a todas elas: (1) a relación entre o chibo expiatorio e a comunidade (convén lembrar que chibo expiatorio é a significación primeira de phármakon, antes quizá que veleno ou medicina), (2) os inestables límites da identidade persoal e (3) a clásica iconografía na que adoitan presentarse tanto esa relación como esa inestabilidade. Por baixo destes tres aspectos alenta –e quere marcar o ton xeral da peza– un substrato dionisíaco entendido aquí, lonxe das alporizadas interpretacións habituais, como ‘o elemento silencioso e poderoso do vexetativo’, en palabras do helenista Karl Kerenyi.

SOBRE A COMPAÑÍA

Pablo Seoane (Ferrol, 1968) estuda música, filosofía e filoloxía inglesa nas universidades de Santiago de Compostela, Salamanca, Wake Forest (USA) e Durham (UK). Desde fai máis de dúas décadas desenvolve unha actividade regular como pianista e compositor en ámbitos próximos ao jazz, a improvisación, a música contemporánea, a performance e o teatro. Escrebe tamén sobre estética, metafísica e filosofía da música, entre outros asuntos. E ten traducido a autores como H. D. Thoreau, Samuel Beckett, Harold Pinter ou Guillaume Apollinaire. Entre os seus últimos traballos destacan Parábase (obra para os dous órganos xemelgos da basílica de San Salvador de Lourenzá, 2017), Novia China, Buena Suerte (CD piano solo, 2020) ou a publicación do ensaio Regla y tiempo real. Improvisación, interpretación y ontología de la obra musical (Athenaica, 2020).