mércores 15 de xullo

sala de teatro Roberto Vidal Bolaño / 20,30h

O EMPAPELADO AMARELO

A quinta do cuadrante

Duración: 60 minutos

FICHA ARTÍSTICA 

Actriz Melania Cruz

Dramaturxia Tito Asorey e Melania Cruz, a partir do relato de Charlotte Perkins Gilman

Iluminación e escenografía Laura Iturralde

Espazo sonoro e música orixinal Xavier Bértolo

Instrumentistas Macarena Montesinos e Elena Vázquez

Vestiario Renata Uzal

Deseño gráfico Lucía Estévez

Fotografía Lucía Estévez, Manuel G. Vicente

Vídeo Lucía Estévez, Damián Varela (Miramemira)

Deseño e realización do pop-up Francis Canales

Produción A Quinta do Cuadrante

Axudante de dirección Lucía Estévez

Dirección Tito Asorey

SOBRE A OBRA

O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla. Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

O espectáculo utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época, privadas de todo tipo de voz pública e pechadas nun sistema que as facía plenamente dependentes dos seus esposos. Rebélase así, sen concesións, contra as convencións da época, apostando por unha radical liberación da muller do xugo masculino e unha defensa danecesidade de conformarse como suxeitos de pleno dereito, empoderándose de xeito absoluto.

O empapelado amarelo é unha das mellores mostras da literatura feminista mundial, que aínda hoxe é xerme de diversas interpretacións, revisións e novas lecturas por parte de artistas de todo o mundo, dado o seu carácter fundacional, onde a autora constrúe unha personaxe que representa un arquetipo contemporáneo da loita da muller por acadar a liberdade plena.

“A sinopse non fai xustiza ao proceso ao que asistimos: nunha época en que as dramaturxias tenden a un exhibicionismo vacuo, O empapelado amarelo ofrécenos o raro espectáculo dunha compañía que sabe o que quere contar e que adapta os seus recursos á finalidade perseguida; unha obra que vai un paso máis alá do convencional sen caer na arbitrariedade; un tema socialmente pertinente que se expón sen caer na obviedade nin no panfleto (…) Un espectáculo brillante e conmovedor”

Manuel Xestoso, REVISTA GALEGA DE TEATRO

TRAILER: https://vimeo.com/316377361